Valentín González Formoso mantivo hoxe un encontro coa militancia de Vigo, un acto no que foi presentado polo Secretario Xeral da agrupación da cidade olívica, Abel Losada, e no que reivindicou que “Vigo e Abel Caballero son un claro exemplo dese socialismo que suma para avanzar, que conecta coa sociedade”.
O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, que insiste ao longo desta campaña en que “Galicia non é do PP”, afirmou que “Vigo é unha referencia neste sentido, en que é posible gañarlle ao PP sumando dentro para gañar fóra. O modelo de Abel Caballero é o dun PSdeG que sabe construír, que conecta coa sociedade, que sabe escoitala, entendela e atendela”.
Formoso destacou os 20 concelleiros e concelleiras dos 27 totais da corporación que obtivo Abel Caballero nas últimas eleccións municipais “que veñen a demostrar que, cando o partido fai a súa función principal, que é ser un instrumento ao servizo da sociedade, e cando hai unión e ilusión entre a militancia o PSOE é imparable”.
Valentín González Formoso explicou que “para os socialistas é moi importante, é un orgullo e unha honra, que a cidade máis poboada de Galicia sexa unha referencia nas políticas socialistas, tanto a nivel autonómico e tamén estatal” e aproveitou para poñer en valor a labor dos compañeiros e compañeiras que “no goberno ou na oposición dos 313 municipios de Galicia, manteñen viva a chama do socialismo”. “Somos os que escoitamos á xente, os que lles poñemos nome e cara. Facemos a política máis bonita e tamén a máis difícil que é a de estar a carón dos cidadáns”, argumentou.
“Este sábado temos que tomar unha decisión moi importante, se nos vale o modelo actual de conformismo e resignación ou se apostamos pola ilusión e a esperanza de construír un PSdeG máis forte, máis unido, que volva a conectar coa sociedade e que sexa unha alternativa real ao goberno de Feijoo”, subliñou.